Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘poemas’ Category

Andando ao rego

Pecháronme os ollos

e o entendemento

para que non berrara,

coséronme os beizos.

Ataron os meus brazos,

a uns fríos ferros,

para que non fixera,

nin sinal con eles.

E así ben suxeito,

botáronme enriba,

discursos e mitins.

Dixeron que era,

rebelde e traveso,

un moi mal exemplo,

para os fillos deles.

Laváronme a cara,

tamén o cerebro,

e nun par de días,

xa fun excremento.

Advertisement

Read Full Post »

Doutro xeito

Voas miña pomba sen a túa rama de oliva,
describindo no ceo xeroglíficos inexplicables,
trazando no ar versos coñecidos.
Chea de razón ergues o teu pico
coa seguridade que che da o entendemento
do xa escrito, do antigo.

Pero aquí abaixo, no chan,
onde a terra é lodo e nos os seus fillos,
non nos valen as verbas que sempre din o mesmo,
facemos do limo barro e de este un botixo,
pintamos con acuarelas de cores debaídos,
creando un cadro novo que diga …
                                                      o que non digo.

Read Full Post »

Cadeas de loucura

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Busco camiños novos

entre labirintos

de cadeas arroibadas

para que os meu pés

non se espiñen

sobre  a raíz do delirio.

Busco oasis de cordura

para deitar os soños

lonxe dos mapas da rutina.

Procuro buratos de luz

para fuxir  das fantasmas,

pero as mans quedan inmóbiles

entre  arames de loucura

tecidos con elos  agochados

nunha insua de cores ocres.

Racho cos dentes

códigos de incerteza

e bato coa irregularidade

de xeometrías que sangran

clips de incesantes medos,

tortura da miña pel descalza.

 

Read Full Post »

Vidros escachados

Quen non tisnou de amargura
algún día o seu traveseiro,
quen non verteu vidro escoitando
unha cantiga, que lle recordara
o cárcere do seu corazón.

Quen cre no amor aínda,
quen non confunde a súa calor,
quen pensando que era amado,
seguiu ata o final na porfía.

Quen non soñou con ese feliz día
sen pasar por isto ningunha dor,
quen créndose xa na gloria,
aos infernos non caeu,

                             quen?

Read Full Post »

Consellos

Tempera xa o teu orgullo,
esquece a obriga pasada,
pensa que a auga escorrida,
non engaiola a fiada.
E se foi o que xa foi,
iso xa non ten arranxo,
deixa o po fuxir no ar,
encoméndate a teu anxo.
Dis que foi un mal soño,
o que aí aconteceu,
palabras mal entendidas,
nada de iso seiche eu.
Se con isto que che digo,
non se ergue o teu ego,
vai pensando noutra cura,
quizais non teñas sosego.
Porque quen a fai a paga,
moito antes ou máis cedo,
coa conciencia tranquila,
ti non tes por que ter medo.

Read Full Post »

Cándo?

Brincabas á miña beira co teu sorriso,
bulías levando cousas de acá para alá,
mentres eu te ollaba apaixoado
e ti dicíasme ¡agora xa!

Logo á tardiña xuntouse xente,
a todos ti atendías sen descansar,
mentres eu vixiaba o teu traballo
e ti dicíasme ¡agora xa!

Chegou a noite escura marcharon todos,
recollías e limpabas ate o chan,
mentres eu te fitaba desesperado
e ti dicíasme ¡agora xa!

Pero ao chegar á cama dis que non podes,
que estás moi cansa e non dás máis,
mentres eu que non miro porque non vexo,
 durmo soñando ¡agora xa!

Read Full Post »

Nun burato negro

A Parca volveu a quedar embarazada,
seus fillos teñen fame e o sangue
non chega para encher todas as bocas.

Por riba da miña cabeza revoan os mosquitos,
parecen voitres ao asexo da súa presa,
por qué será que estes bichos saben
atopar tan facilmente a porcallada.

Alguén me dixo que arrecendo a flores,
certo, coma as funerarias, a flores de defunto.
Hoxe o sol púxose na mais amencer,
e unha negra escuridade sumiu o día.

Unha nube baleiroume o seu contido gris
e empapoume as roupas e os osos,
¡teño frío, mai!
e xa nada nin ninguén pode abrigarme.

Read Full Post »

Elixo deixarme levar

Entre os soños mutilados,
de doces encantos vellos,
que quedaron postergados,
polo empuxe doutros novos,
descansa a alma tranquila,
recreando o sentimento,
esquecendo xa o añexo…

Elixir deixarse levar…
pola maxia dos sentidos,
polo camiño inalterable
que traza con amor a túa mirada,
polo xesto das túas mans,
ou quizais pola esencia sutil
que desprenden as túas verbas,
hipnotizado, ou encantado,
trasposto, ou namorado,
coma nun conto de fadas.

Deixándose levar coa mente,
preñada de imaxinarios encontros,
de miradas cómplices de desexo,
de caricias sen límite de nada,
de bicos roubados en cita
de noite solapada ao alba.

Read Full Post »

Haiku

Son eses ollos,
consentidos traidores,
que amor propoñen.

Read Full Post »

Escribo

Vou polo enguedellado camiño da palabra,
aquí descubro a falacia do verbo oco,
máis alá, atopo o efémero da voz,
alí, o impreciso uso do vocábulo vano,
a mensaxe absurda e inevitable,
a sinal auditiva máis obtusa,
ou a imaxe irrevogable,
o termo incontestable evitado,
a expresión sumida no paroxismo,
o dito lanzado ao infinito do abismo,
a dicción impronunciable do escrito,
a fachendosa elocuencia da pedantería,
a terminoloxía codificada da técnica,
a linguaxe choqueira da vulgaridade,
o discurso interminable da política,
o léxico inquebrantable da xustiza,
a retórica metafísica da cultura,
e aférrome ao artista da caligrafía,
que pon o corazón en cada letra,
que impulso o seu documento coa súa ánima.

Read Full Post »

Older Posts »