Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘eventos’ Category

Premios Microcoruñas.

Onte, día 9, tivo lugar na Fundación Luís Seoane a entrega dos Premios Microcoruñas patrocinados polo Axuntamento en colaboración con FNAC para lembrar o  800 aniversario da cidade . O acto  estivo presentado por Lino Braxe e animado polo grupo musical “A Caricia da Serpe”
E temos a honra de que entre os finalistas deste concurso, figuren dous membros do Club de Poesía  de Carral: Eusebio Freire Bargados e Maximiliano Navarro, nas categorías de micropoemas e microrelatos en galego, respectivamente. E… entre os gañadores,  e no apartado  de  microcontos en castelán: Ángela Fernández Pérez , compoñente do mesmo Club. Así que  todos nós estamos de …FESTA RACHADA!!!
 Como constancia: A foto dos gañadores,  facilmente recoñecibles polos tremendos (refírome ao tamaño…)  cheques-regalo FNAC   de 800 eurazos  e algúns dos finalistas, sen cheque pero cun gran sorriso.


E como agasallo:  O fermoso microrelato de Ángela

Y Dios creó la luz, y el hombre la subió a la torre, que embrujó las proas y las convirtió en casas de cristal. Y el mar y la  tierra se juntaron y nació A Coruña cargada de sal, de viento y de niebla.

 

Parabéns para os nosos compañeiros e tamén para os outros gañadores: Gutier Roldán, Ivana Díaz  Otero e María Martul Franco.

Advertisement

Read Full Post »

 

 Meus queridos amigos, amantes da poesía, se aínda non vos achegastes ao Museo de Belas Artes  a contemplar  as fotografías de Chema Mandoz ( Madrid, 1958)  paga a pena que o fagades sen perda de tempo . Remata  o día 27.

  

 

Esta exposición amósanos que as metáforas non son  patrimonio exclusivo  da poesía. Trala falsa obxectividade que aparenta descansar sobre os obxectos que a imaxinación do fotógrafo combinou, recreou ou creou,  acóchase   o enigma,  a outra cara da realidade  que nós podemos intentar descifrar ou interpretar. O fotógrafo, xeneroso e cómplice  co espectador, non quixo poñer ningún signo de identidade ás súas obras: nin título , nin comentarios, nin data; nada que nos  condicione  no noso afán  de descubrir o significado de cada foto, de cada obxecto que parece pero non é… Nada que poña cancelas á nosa  fantasía ou a nosa capacidade  de ver o punto crítico que encerran.  Pasear a ollada por estas imaxes é como camiñar por un labirinto  no que imos perdendo a inxenuidade das nosas máis prosaicas realidades e comezamos a intuir outro mundo que xurde cando desposuímos as cousas do seu aspecto  cotián.

Read Full Post »

O acto do día 23 de maio na Biblioteca de Carral serviu para presentar o segundo caderno de poesía do Club de Carral. Titulado POEMAS II e cunha portada ilustrada por Ángela Fernández, esta publicación recompila versos escritos pola maioría dos membros do Club de Poesía de Carral. Ademais, Xosé Luís Mosquera Camba cedeu un poema para o apartado de “Versos convidados”, despois de que nos deixara na súa visita ao club, unha grata lembranza.

O Concello de Carral editou 200 exemplares de POEMAS II, que se poden recoller de balde na Biblioteca Municipal de Carral (Casa da Cultura).

Agardamos que vos guste e os vosos comentarios.

Read Full Post »

Paulino Peña recibiu o premio de poesía de Carral, e Xosé Luís Mosquera presentou Nadja c’est moi.

Nun fermoso acto na Biblioteca Municipal de Carral, o 23 de maio, o alcalde de Carral entregou o XI premio de poesía gañado por Paulino Peña co poemario Gramática da afirmación. O autor ourensán recibiu un premio económico de 2000 € e a figura que nas últimas edicións reciben os autores gañadores.

O mesmo acto tamén acolleu a presentación do libro que gañou a décima edición do premio de Carral, Nadja c’est moi de Xosé Luís Mosquera Camba. O libro foi comentado polo poeta e director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, e tamén polo propio autor, quen ademais leu algúns fragmentos.

O acto continuou cunha perfomance poética de Valentina Carro, que recibiu por parte do xurado unha mención especial pola orixinalidade do formato do seu poemario; coa presentación do caderno Poemas II do Club de Poesía de Carral, e a actuación de Camilo Franco e Magín Blanco co seu espectáculo Palabras Contadas.

Foi unha velada fermosa e intensa, na que a poesía foi a protagonista.

Read Full Post »

Hoxe, día 16 de maio ás 19:00 horas, na Libraría de O Corte Inglés, os membros do Club de Poesía, constituído recentemente a raíz dun cursiño impartido por Miguel Anxo Fernán-Vello, lerán unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letra Galegas. A todas as persoas que o desexen facilitaránselle textos para que se sumen a esta homenaxe. Animádevos!

Read Full Post »

Recibimos este comunicado co nome do gañador do Certame de poesía.

O xurado do XI Certame de Poesía “Concello de Carral”, formado por Luciano Rodríguez, Ánxeles Penas García e Xosé Luís Mosquera Camba, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura María José García Fariña, e como secretario Carlos Lorenzo Pérez, acordou elixir o poemario titulado “Gramática da afirmación” como gañador desta edición do concurso literario.
Unha vez aberta a plica correspondente á obra elixida, comprobouse que o autor é Paulino Peña Álvarez, de Ourense.
O xurado destaca desta obra “a súa madurez lírica, o excelente manexo da lingua, o contrapunto que establece entre lingua e terra, a súa gran musicalidade, o sorprendente das súas imaxes, e que é un libro constructivo”.
Paulino Peña é licenciado en filosofía e ciencias da educación, mestre de ensino primario e coordinador provincial dos equipos de normalización e dinamización lingüística de Ourense.
Este é o primeiro premio importante que acada este poeta ourensán, despois de que gañara en Bilbao, en dúas ocasións, o “Anduriña voandeira”, e noutra ocasión o convocado polo Concello de Serra de Outes.
Paulino Peña ten traballo durante varios anos na promoción das letras galegas, encargándose da coordinación e edición dos vídeos sobre os autores homenaxeados cada 17 de maio. Ademais é autor de múltiples unidades didácticas sobre as Letras Galegas. Todos estes traballos están dirixidos ao sector do ensino e promovidos pola Xunta de Galicia.
A esta edición do premio de Carral presentáronse 38 poemarios, e está previsto o acto de entrega do premio para o día 23 de maio na Biblioteca Municipal de Carral.
Paulino Peña recibirá como premio 2000 euros, ademais de ver publicado o seu libro na colección de Poesía da Editorial Espiral Maior.

Parabéns ó gañador!!!!

Read Full Post »

Galego fora de Galicia

 Recollín este texto do blog do Náufrago

A mesa redonda en Salamanca estivo moi ben. Anxos Sumai e O Leo brillaron coma sempre. Eu fixen o que puiden.
En calquera caso, foi un pracer enorme ver alí tanto alumnado de galego de fóra de Galicia. Xente non galega interesada en aprender a nosa lingua e saber da nosa literatura.
Tralo acto, digamos, académico, tivemos a oportunidade de parolar cun par de estudantes non galegas ( de Madrid e Ávila ) que, a pesar disto e de non ter por que, estudaban galego e dicíannos que non entendían como podía haber xente, en Galicia, que renuniciase á riqueza de ter unha lingua de seu.
Eu, desde logo, tampouco o entendo.

Read Full Post »

Reunión do clube

Mañán ás 20:00 h 20:30 h. , reunión do clube de poesía de Carral na Biblioteca municipal. Non faltes!

Read Full Post »

Día mundial da poesía

poesia.jpg

Para non ser os escravos martirizados do Tempo, embriagádevos, embriagadevos sen parar! Con viño, poesía ou virtude, a vosa guisa

Charles Baudelaire

A poesía non quere adeptos, quere amantes.

Federico García Lorca

A poesía debe ser un pouco seca para que arda ben, e deste xeito iluminarnos e quentarnos.

Octavio Paz

A poesía é a ambición de discurrir, que aspira a verse cargada de máis sentidos e unxida de máis música, que a linguaxe ordinaria.

Paul Valéry

Read Full Post »

Ánxeles Penas en Coruña

Mañá 13 de marzo, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande, 21-24), terá lugar a presentación do poemario Amor deshabitado, de Ánxeles Penas. No acto intervirán Xavier Seoane, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora. Tamén se ofrecerán unha lectura-recital a cargo da actriz Ánxela G. Abalo e unha actuación musical do violinista Mijail Moriatov.
Visto en Axenda Cultural AELG

Read Full Post »

Older Posts »