Hai ausencias que matan a ánima,
que feren no máis fondo,
que marcan unha distancia,
que en lembranzas traen esquecidos.
Son ausencias que claman recendos,
de seres distantes, de seres queridos,
de afastados tempos, de bicos perdidos,
de cariños ausentes, de brazos tendidos.
Hai ausencias que coas súas nostalxias,
nos volven silentes, húmidos,
calcínannos a mente, o sentido,
fannos sensibles e máis emotivos.
Son ausencias que nos rouban a calma,
que enchen o noso tempo,
con recoñecementos baldíos,
suxerindo estampas de momentos vividos.