(Ilustración do libro “La poesía nos une” de Aldea Poética)
Rafa tocou as nosas vidas durante un tempo fugaz, verteu sobre nós a choiva intensa dos seus versos; prestounos a súa ilusión de poeta; contaxiounos a paixón pola palabra; amosounos , acochada en metáforas, a angustia da busca, a soidade metafísica do home, pero quizais non soubemos ver tralo brillo dos seus ollos “sus carnes abiertas como un libro vivido a mordiscos” ( Poema Interruptus)
Agora que os seus pasos se perderon no alén, ao noso carón sentimos, fortes, as súas pegadas… Xunto a elas, compañeiro, deixo para ti un poema. Xa sabes , como di sempre Ánxeles, bicos entre versos.
A soas…
Camiñamos somnámbulos
por vereas marcadas.
Xorden no vento ecos,
fonemas, silencios, luces,
miradas novas, ilusións
prestadas…
Ás veces a man dun amigo
seca as nosas bágoas.Camiñamos como estraños
e perdidos vagabundos…
Ás veces alguén
escoita as nosas palabras,
acolle o noso xesto,
fíxase na nosa cara…Pero cando a morte asoma
a deshora, extraviada,
rompendo os versos
e aniquilando o sangue,
ninguén está preto
para recoller a nosa valixa
de insomnios esquecidos,
para recompilar as cicatrices
suturadas co gume enferruxado
de palabras mutiladas.