Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Outubro 2008

Homenaxe a Ramiro Fonte

(Parte dunha ilustración do poemario "Mínima Moralidade")

 

Cando souben do pasamento de Ramiro Fonte, o primeiro que se me ocorreu foi reler algúns dos seus escritos. Non sei moi ben por que o fixen, quizais porque os seus libros seguen aí no meu andel  dando fe da súa existencia,  contradicindo á morte.
Precisamente de algo así  nos fala el mesmo nun poema que titula “Alguén nalgún lugar” 
Aquí vos deixo uns fragmentos:

………………………………

Morreu a eternidade,
Pero en ningún momento  deixa de soar
A música do réquiem de Mozart porque sempre
Hai alguén escoitándoa
Nalgún lugar do mundo,
Alguén que está máis só do que ti estás agora.

…………………………………

Escribimos  e lemos
Para pensar que non estamos sós.

E estes versos só existen
Porque nalgún lugar, neste preciso instante,
Ti, que detés os ollos nesta páxina,
Fas un pacto con eles,
Senón serían nada, baleiro, cousa inútil,
Como os sons das campás
Afogados no mar, que agora trae o vento,
Deixándonos escoitalos.

Temos poucas certezas, mais podemos
Asegurar sen medo a trabucarnos
Que o libro da soidade non existe
Se non son os teus ollos os que pasan as páxinas.

 Tamén os teus versos, meu admirado poeta, igual que a música de Mozart, seguirán soando nos nosos corazóns  e, para non sentirnos orfos, os ollos manterán un pacto coa túa palabra. Xuntos resucitaremos a eternidade…

Read Full Post »

Neste momento existo simplemente

Neste momento existo simplemente.
Simplemente respiro, ollo a árbore.
Sobrenado na calma do crepúsculo,
pronuncio este silencio, oio o profundo
corazón que non late por un intre.

Non hai unha aventura que me agarde.
Non hai can que me ladre dende un soño.
Unha man sobre a outra. O corpo como lonxe…

Habítame unha inmóbil aspiración a nada,
unha absorción de agosto.
Florezo no abandono.

Case non sei de min si pecho os ollos.

 

Escrito por Álvarez Torneiro

Read Full Post »

Anoxado romanticismo?

Paseamos noso amor,
collidiños da man,
en cada recanto daquel parque,
en todos eles amámonos.

Arrolados polos trinos,
cobizados baixo unha arbore,
testemuña de nosos encontros,
marcado por nosas mans.

Na praia nosos corpos,
de areas se enzoufaron,
e para que alí repousaran,
na mar nolas lavamos.

Así esperamos a lúa,
que na auga reflectida,
parecía que dixera,
que volveramos a mollarnos.

E xuntamos nosos corpos,
comezando a bicarnos,
comendo a sal doutro,
nosos membros enlazados.

Read Full Post »

…nada

Remato de prostituír o meu poema,
quen o queira que o pague,
tamén vendín a miña ánima,
xa non me serve está moi negra,
o corazón vendinllo…
a un chatarreiro que o precisaba,
e o resto coma non interesaba,
queimeino no forno da casa,
para que non contaminara,
non deixo herdanza para non meter
a ninguén en gastos nin molestias.
Así pois non estou, nin serei máis,
tan so unha sombra macabra,
de quen puido ser, e non é nada.

Read Full Post »