(Ilustración do libro “La poesía nos une” de Aldea Poética)
Rafa tocou as nosas vidas durante un tempo fugaz, verteu sobre nós a choiva intensa dos seus versos; prestounos a súa ilusión de poeta; contaxiounos a paixón pola palabra; amosounos , acochada en metáforas, a angustia da busca, a soidade metafísica do home, pero quizais non soubemos ver tralo brillo dos seus ollos “sus carnes abiertas como un libro vivido a mordiscos” ( Poema Interruptus)
Agora que os seus pasos se perderon no alén, ao noso carón sentimos, fortes, as súas pegadas… Xunto a elas, compañeiro, deixo para ti un poema. Xa sabes , como di sempre Ánxeles, bicos entre versos.
A soas…
Camiñamos somnámbulos
por vereas marcadas.
Xorden no vento ecos,
fonemas, silencios, luces,
miradas novas, ilusións
prestadas…
Ás veces a man dun amigo
seca as nosas bágoas.Camiñamos como estraños
e perdidos vagabundos…
Ás veces alguén
escoita as nosas palabras,
acolle o noso xesto,
fíxase na nosa cara…Pero cando a morte asoma
a deshora, extraviada,
rompendo os versos
e aniquilando o sangue,
ninguén está preto
para recoller a nosa valixa
de insomnios esquecidos,
para recompilar as cicatrices
suturadas co gume enferruxado
de palabras mutiladas.


Moi boa entrada compañeira, parabéns pola túa iniciativa, axudada con ese poema tan certo.
Grazas Eusebio polas túas palabras. Unha aperta, compañeiro.